Unha eclipse no baleiro

A Galicia máis despoboada vivirá tamén este mércores 12 de agosto a eclipse total de Sol
Solpor no Monte Faro, Chantada (Lugo). - Brais Lorenzo

Solpor no Monte Faro, Chantada (Lugo). - Brais Lorenzo

A Galicia máis despoboada vivirá tamén este mércores 12 de agosto a eclipse total de Sol que atravesará unha banda da Península Ibérica. Milleiros de persoas prevén desprazarse cara aos lugares onde a lúa ocultará completamente o sol durante cousa dun minuto, entre eles, algúns dos territorios con menor densidade de poboación do país.

O vello refrán di que a noite é para durmir e o día para traballar, pero este mércores 12 de agosto o tempo deterase un intre no medio da tarde: a sombra da lúa atravesará Galicia de noroeste a sueste e converterá o día en noite durante pouco máis dun minuto. A franxa na que a eclipse solar poderá ser observada como total pasará por 143 dos 313 concellos galegos, atravesando Galicia de noroeste a sureste. 

O trazado de escuridade total abrangue boa parte do norte e centro da Coruña, practicamente toda a provincia de Lugo, o norte de Pontevedra e as comarcas orientais e de montaña de Ourense. O Instituto Xeográfico Nacional sitúa o seu máximo arredor das 20:28 horas na Coruña e Lugo, aínda que os horarios e a duración varían segundo o punto exacto. 

Este fenómeno está previsto que mobilice milleiros de persoas cara aos lugares onde a totalidade será máis prolongada e as condicións de observación, máis favorables. O acontecemento extraordinario –tendo en conta que a última eclipse solar total visible desde Galicia produciuse no 1912– tamén vai percorrer coa traxectoria da sombra lunar algúns dos territorios con menor densidade de poboación do país.

Unha sombra percorre o país

Cruzando a franxa de totalidade co mapa de lugares, moitos deles documentados neste proxecto, e cos datos demográficos máis recentes do Instituto Galego de Estatística, o resultado é especialmente revelador: a sombra da lúa sobre o sol atravesará algúns dos territorios con menor densidade de poboación de Galicia e de toda a Península Ibérica.

A escuridade cubrirá algunha das zonas con menor densidade de poboación da Península Ibérica, moitas delas en Galicia. - Brais Lorenzo
A escuridade cubrirá algunha das zonas con menor densidade de poboación da Península Ibérica, moitas delas en Galicia. – Brais Lorenzo

No extremo máis despoboado atópanse Vilariño de Conso, na comarca de Viana, e Chandrexa de Queixa, na Terra de Trives. Con apenas 2,5 e 2,7 habitantes por quilómetro cadrado, respectivamente, ambos municipios constitúen o epicentro demográfico do denominado baleiro galego. Vilariño de Conso, con máis de 170 quilómetros cadrados e unha poboación que rolda os 430 habitantes, quedará de cheo baixo a escuridade umbral (sempre segundo as predicións oficiais), como tamén algunhas das aldeas e vales máis despoboados de Chandrexa de Queixa.

Dentro da franxa de 100% de ocultación está tamén Negueira de Muñiz, na montaña oriental lucense, con apenas 3,3 habitantes por quilómetro cadrado. O concello é o menos poboado de Galicia e vivirá arredor de minuto e medio de escuridade total. Outro dos grandes protagonistas deste mapa é Muras, na montaña luguesa. Este concello ten actualmente uns 3,5 habitantes por quilómetro cadrado. O 12 de agosto quedará dentro da franxa de totalidade, e a fase na que a lúa cubrirá por completo o sol durará arredor dun minuto e corenta segundos.

Moi preto desta realidade atópase Cervantes, nos Ancares, con 4,1 habitantes por quilómetro cadrado. A eclipse será total aquí. O mesmo está previsto que aconteza en Folgoso do Courel, que conta con 4,8 habitantes por quilómetro cadrado, onde a sombra cubrirá por completo tanto as aldeas como as montañas, castigadas durante o pasado verán polos incendios. A Fonsagrada, o concello máis extenso de Galicia e un dos máis despoboados, con tan só 7 habitantes por quilómetro cadrado, experimentará tamén a eclipse total. 

A eclipse… que ninguén verá?

O ceo galego escurecerá momentaneamente antes do solpor. - Brais Lorenzo
O ceo galego escurecerá momentaneamente antes do solpor. – Brais Lorenzo

Mentres o fenómeno astronómico mobilizará milleiros de persoas cara ás zonas de totalidade, con especial presión sobre determinados puntos da costa coruñesa e da Mariña lucense e previsións de gran fluxo turístico en cidades como A Coruña, a sombra lunar atravesará tamén moitos dos territorios nos que a perda de habitantes forma parte da vida cotiá.

Cando no serán deste inusual mércores de agosto a lúa tape por completo o sol, a súa sombra avanzará sobre quilómetros de montes, vales e aldeas, incluídos moitos dos máis de 2.000 núcleos de poboación totalmente deshabitados. Nalgúns dos territorios máis despoboados do país haberá quen mire ao ceo; noutros, probablemente, non. O que si haberá é unha coincidencia extraordinaria: durante pouco máis dun minuto, a penumbra máis espectacular atravesará a dualidade dun país marcado pola masificación e o abandono.

Comparte:

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore
Ir o contido