Habitar o baleiro afonda na muller rural e o traballo de Ruth Matilda Anderson nunha xornada da RAG

Brais Lorenzo compartiu faladoiro coa investigadora Alba R. Saavedra e a historiadora Ana Cabana Iglesia
Marilar Aleixandre, Alba Rodríguez Saavedra, Brais Lorenzo e Ana Cabana durante o encontro

01

Brais Lorenzo compartiu faladoiro coa investigadora Alba R. Saavedra e a historiadora Ana Cabana Iglesia

O fotoxornalista de Habitar o baleiro Brais Lorenzo participou xunto coa investigadora Alba R. Saavedra e a historiadora Ana Cabana Iglesia na xornada Ruth Matilda Anderson: a ollada nas mulleres, un faladoiro organizado pola Real Academia Galega (RAG) arredor do papel comunitario das galegas no rural e a figura da fotógrafa norteamericana, que tivo lugar na Fundación Luís Seoane (A Coruña).

O legado de Ruth Matilda Anderson (1893-1983), a fotógrafa de Nebraska que hai un século capturou a forza laboral das mulleres en Galicia, foi fío condutor do terceiro encontro do Grupo de Traballo de Pensamento e Ensaio da RAG.

A xornada, coordinada por Marilar Aleixandre e impulsada polo ensaio de Alba Rodríguez Saavedra –Premio Follas Novas 2026– Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes, centrouse na necesidade de artellar discursos alternativos sobre Galicia que superen o folclorismo e o extractivismo.

Brais Lorenzo enxalzou o traballo pioneiro de Anderson e amosou parte do seu propio labor fotográfico arredor das mulleres nas aldeas e as vilas galegas, coa temática dos lumes forestais como un dos eixos principais.

Rodríguez Saavedra, tamén membro do colectivo, participou desta volta en calidade de experta na figura de Anderson, evidenciando como aquela “ollada violeta” dos anos vinte dialoga directamente coa práctica documental contemporánea.

A historiadora da USC Ana Cabana amosou parte das conclusións do seu extenso estudo sobre o papel das mulleres rurais na actualidade e afondou sobre os moitos tópicos e estereotipos que aínda as arrodean, poñendo o foco na desigualdade de xénero histórica entre “ter traballo e facer traballos”.

Na xornada analizouse como a obra de Anderson sufriu un longo esquecemento por mor do seu carácter subversivo, que cuestionaba abertamente o relato oficial e masculinizado do primeiro terzo do século XX. Saavedra explicou que a fotógrafa de Nebraska non buscou un discurso compracente co canon da época, senón que se apoiou en Emilia Pardo Bazán e nunha Rosalía de Castro combativa, feminista e retranqueira a quen chegou a traducir ao inglés.

Cabana incidiu en que Anderson foi unha pioneira ao retratar leiteiras, carteiras ou palilleiras non desde o paternalismo, senón identificando nelas unha potente “industria” e un valor económico clave nun país baleirado pola emigración dos homes.

Resistencia, esperanza e futuro
Cen anos despois da derradeira estancia de Anderson en Galicia, o proxecto multiplataforma Habitar o Baleiro recolle o relevo desa ollada periférica para dárlle unha volta á forma de narrar o territorio. Lorenzo, galardoado recentemente co World Press Photo polo seu traballo sobre os lumes forestais do pasado verán, explicou que o propósito do colectivo nas aldeas máis illadas, especialmente en Lugo e Ourense, vai máis aló de testemuñar as cicatrices do despoboamento ou o abandono ambiental.

O fotoxornalista Brais Lorenzo

“O reto actual pasa por descubrir e documentar as novas e esperanzadoras formas de vida que están a agromar no rural galego, impugnando os relatos derrotistas e poñendo o foco no que hoxe volve emerxer”, sinalou. Esta nova volta demostra que, como nos tempos de Anderson, a resistencia e a sustentabilidade das nosas comunidades seguen a ter un rostro maioritariamente feminino.

Lorenzo sinalou que as mulleres continúan a ser o sostén do rural fronte á falta de servizos, asumindo tanto os coidados como a xestión da terra, mais destacou un cambio de paradigma: o xurdimento de proxectos de emprendemento que xeran futuro colectivo.

Exemplos documentados por Habitar o baleiro coma o de Natalia na apicultura da Ulloa, María José coa froita deshidratada en Silleda ou Luz coa súa cooperativa de conservas en Negueira de Muñiz amosan como as mulleres do rural de hoxe, lonxe de ser suxeitos pasivos, seguen a ser, tal e como as viu Anderson, o motor económico imprescindible do país.

Comparte:

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore
Ir o contido