A HSA fai públicas todas as fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia

Máis de cinco mil imaxes da fotógrafa, moitas inéditas, xa poden verse sen custo en formato dixital
Digital Collections at the Hispanic Society

Digital Collections at the Hispanic Society

Máis de cinco mil imaxes da fotógrafa, moitas inéditas, xa poden verse sen custo en formato dixital

A Hispanic Society of America (HSA) acaba de facer públicas por primeira vez as máis de cinco mil fotografías que Ruth Matilda Anderson tomou nos dezaoito meses que pasou en Galicia (1924-1926), moitas delas inéditas. As imaxes –parte dun total de 14.000 da autoría da fotógrafa de Nebraska en España e o noroeste africano–, poden verse na súa totalidade por primeira vez e en formato dixital.

Até agora –tal como recolle o traballo da tradutora e investigadora Alba Rodríguez Saavedra–, só tiñamos acceso a unha pequena parte do fondo documental de Anderson en Galicia: 500, imaxes, o 10% do imprescindible traballo que a fotógrafa desenvolveu nas catro provincias galegas e que reflicten de maneira moi próxima e rigorosa a realidade da Galicia de inicios do século XX: traballadora, golpeada pola pobreza, maioritariamente feminina e eminentemente rural.

“Por cada home hai cinco mulleres”, observou daquela a fotógrafa norteamericana, que non só traballou en Galicia coa súa cámara de fotos, senón que tamén aprendeu galego, leu, citou e traduciu a Rosalía de Castro e deixou por escrito todo un documento no libro Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña (1939).

Parte do traballo de Ruth Matilda Anderson saíu á luz por primeira vez hai 17 anos da man de Afundación. Mais, polo que Rodríguez Saavedra puido saber a raíz da súa investigación sobre a fotógrafa, faltaba unha parte moi importante de todo ese fondo documental. 

Froito de toda esa pescuda, Saavedra publicou Ruth Matilda Anderson: traductora das marxes (Laiovento, 2025), onde pon en valor a importancia do legado da de Nebraska non só como fotógrafa, senón tamén como tradutora, ensaísta e reveladora da Galicia dos primeiros anos vinte, na que as mulleres (e as crianzas) traballaban arreo dentro e fóra da casa. Nunha sociedade marcada pola pobreza e a emigración, eran solteiras, viúvas de vivos e viúvas de mortos.

O fondo dixital da HSA permite dende onte ver as fotografías de Ruth Matilda Anderson xeolocalizadas no mapa e segmentadas segundo a data de realización das imaxes. Posúen un nivel de dixitalización extraordinario e aberto para consulta, seguindo as pautas que guiaron a Archer Milton Huntington na fundación da HSA: un arquivo e biblioteca públicos. Xunto a estes documentos, hai moitos máis tesouros dixitalizados, como bosquexos de Goya.

O traballo foi realizado por Beatrice Lee Sampedro, receptora da bolsa da Fundación Leon Levy, coa supervisión de Patrick Lenaghan, conservador xefe de Impresión e Fotografía.

Todo un testemuño da Galicia de inicios do século pasado que nos traslada unha realidade nunca antes tan amplamente fotografada e traballada. Porque legar unha parte da historia é legar un tesouro.

Comparte:

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore
Ir o contido