ANÁLISE
Canto custa vivir nunha aldea? (II)
Chegar á escola, acceder á sanidade e manter os servizos esenciais son algúns dos principais retos que marcan a diferenza entre vivir nos concellos máis rurais ou nas áreas urbanas.

ANTÍA PAZ
Texto

BRAIS LORENZO
Fotografías
Vivir no rural de montaña implica unha relación co tempo e cos servizos públicos moi distinta á da cidade. A distancia non se mide unicamente en quilómetros: tamén conta o estado das estradas, a frecuencia dos transportes, a dispoñibilidade de persoal e a posibilidade de acceder a unha consulta ou chegar á escola cando as condicións meteorolóxicas son adversas. Se o primeiro bloque desta análise medía o impacto da vivenda e do combustible, este segundo pon o foco en dúas infraestruturas esenciais: a sanidade e a educación.
A distancia aos servizos e o tamaño das comunidades escolares permiten botar certa luz sobre outra dimensión do custo territorial: estudar ou enfermar na montaña supón non necesariamente máis euros, pero si máis quilómetros e máis tempo para acceder a determinados servizos. Para unha familia, a existencia dunha escola próxima, unha ruta escolar segura ou un profesional sanitario dispoñible pode marcar a diferenza entre permanecer no territorio ou verse obrigada a desprazarse.

A análise da educación e da sanidade revela, ademais, que a distancia non é un problema estático. Un desprendemento ou unha nevarada poden alterar unha ruta escolar e a ausencia dun médico pode obrigar a percorrer decenas de quilómetros para unha consulta básica. Fronte a estas dificultades, as comunidades rurais non permanecen pasivas: as familias reclaman rutas seguras, a veciñanza protesta pola falta de persoal sanitario e os propios profesionais impulsan iniciativas para mellorar a vida nos municipios.
Sanidade non é só ter un centro de saúde
Como na análise anterior, son catro os concellos rurais escollidos: A Veiga, Chandrexa de Queixa, Negueira de Muñiz e Folgoso do Courel. Estes municipios contan con atención primaria no seu termo municipal, a través de centros de saúde ou consultorios locais, mais esta só é unha parte da ecuación. A outra é a dispoñibilidade efectiva do persoal médico e de enfermaría, a cobertura das ausencias, a distancia aos puntos de atención continuada e a capacidade de mobilizar unha ambulancia cando se produce unha emerxencia.
Ademais, a situación non é homoxénea: hai concellos con máis dun punto de atención sanitaria, outros nos que as consultas se concentran en determinadas franxas temporais e casos nos que a veciñanza denuncia que debe desprazarse a outro municipio para recibir asistencia.

Folgoso do Courel dispón de dous puntos de atención primaria: o centro de saúde de Folgoso e o consultorio de Seoane, e cada centro ten asignado un facultativo, un profesional de enfermaría e un traballador de servizos xerais, segundo o Sergas. Malia contar con estes recursos sobre o papel, o municipio quedou sen os seus médicos titulares durante dous meses de 2024. Tras sucederse as protestas veciñais, esta situación prolongouse no tempo ata chegar a ser recoñecida polo propio Sergas, que xustificaba a ausencia de profesionais aludindo á dificultade para cubrir as prazas vacantes na zona. A situación amosa a fraxilidade dunha estrutura sanitaria con pouco persoal.
A distancia ao hospital de referencia tamén pesa na vida diaria da poboación, xa que o Hospital Público de Monforte está a 44 quilómetros. Para unha consulta especializada, unha proba diagnóstica ou un ingreso, o desprazamento pode ser considerablemente máis longo en tempo ca o que suxire a cifra de quilómetros, especialmente cando hai obras ou dificultades viarias.
A atención primaria na Veiga é local e a referencia hospitalaria sitúase no Hospital Público de Valdeorras, no Barco. Desde A Veiga son aproximadamente 22 quilómetros, aínda que a distancia varía, coma nos anteriores, segundo o núcleo de procedencia. O Sergas incorporou no concello unha ambulancia convencional do 061 en xuño de 2024, operativa as 24 horas do día, pero sen dotación para asistencias graves. A atención primaria, pola súa banda, sufriu dificultades de cobertura durante o 2025, polas mesmas causas que no caso de Folgoso do Courel.
Negueira de Muñiz conta con consultorio local e ten na Fonsagrada unha parte da atención básica e de continuidade asistencial. Para atención hospitalaria e determinadas especialidades, a referencia é o HULA de Lugo, a varias decenas de quilómetros por estrada. A falta de pediatría próxima é o principal problema denunciado na comarca. En 2025, as familias alertaron da ausencia de pediatra durante máis de dous meses, con alternativas que pasaban pola atención do médico de cabeceira ou polo desprazamento a Lugo. En setembro deste 2026, o alcalde de Negueira de Muñiz denunciou que o municipio levaba anos sen unha cobertura estable de mediciña de familia.

Chandrexa de Queixa dispón dun centro de saúde en Celeiros. A atención hospitalaria de referencia sitúase en Ourense, a uns 60 quilómetros desde o centro de saúde, un dato especialmente relevante para consultas especializadas e urxencias, que non debe confundirse co tempo de desprazamento dos doentes ou o que emprega, por exemplo, unha ambulancia en chegar ao domicilio dun paciente.
A fenda sanitaria, polo tanto, non se pode resumir na presenza ou ausencia dun médico ou médica de cabeceira. Tamén ten que ver coa distancia que hai que percorrer no caso de precisar un servizo de urxencia coma unha ambulancia, e tamén para acceder a hospitais, especialistas e determinados tratamentos ou probas diagnósticas. Ademais, nas zonas de montaña, o estado das estradas e a climatoloxía poden modificar os tempos de desprazamento e dificultar tanto a chegada dos pacientes aos centros como a mobilización dunha ambulancia.
Cando o ensino cabe en poucas aulas
A dimensión educativa reflicte de xeito especialmente visible o tamaño demográfico dos municipios estudados.

Folgoso do Courel conta con 33 alumnas e alumnos matriculados nas etapas de infantil, primaria e ESO; A Veiga ten 22, todos eles en infantil e primaria; Negueira de Muñiz conta con tres alumnos de primaria no período desta análise, mais hai un ano tivo que pechar o seu centro escolar, e neste 2026 Chandrexa de Queixa non rexistra ningunha matrícula nesas etapas educativas dentro do municipio.
O CPI Poeta Uxío Novoneyra, situado en Seoane do Courel, concentra o alumnado de infantil, primaria e ESO do Folgoso. A dirección e a ANPA do centro sosteñen dende hai xa décadas numerosas reclamacións e denuncias á Xunta de Galicia e ao goberno do Estado para a mellora das estradas que vertebran o concello e a rede de transporte escolar que as percorre. O transporte escolar vese afectado cada curso por obras ou mesmo pola propia climatoloxía, chegando a facer percorridos dunha hora e corenta minutos para desprazarse ao centro académico, ou a formular alternativas por vías pecuarias que moitas veces non reúnen as condicións de seguridade para o transporte de escolares.
A Veiga mantén o CEIP Eduardo Ávila Bustillo, que alberga e educa a 22 crianzas de infantil e primaria. A existencia dunha escola no municipio evita que o alumnado destas etapas teña que desprazarse necesariamente a outro concello, pero non elimina as dificultades das familias que viven nos núcleos máis afastados.

O caso de Negueira de Muñiz é aínda máis significativo para comprender a relación entre demografía e servizos educativos. No verán de 2025, a Xunta anunciou o peche do CEIP do municipio por falta de alumnado. A escola, reaberta en 2019 tras sete anos pechada, contaba con seis alumnas e alumnos de primaria no curso 2024-2025, pero a matrícula prevista para o seguinte descendeu a tres, polo que a comunidade educativa e a Consellería acordaron que os menores continuasen os estudos na Fonsagrada. Este cambio supuxo a desaparición do último centro educativo de infantil e primaria situado no municipio e a incorporación dun desprazamento diario para as nenas e nenos de ata hora e media en cada traxecto.
A cuestión neste caso non é só numérica. Non abonda con saber canta distancia hai dunha casa a un centro escolar, senón quen fai ese percorrido a diario, en que medio de transporte e durante canto tempo.
Tampouco é indiferente que unha escola permaneza aberta ou que o alumnado teña que trasladarse a outro concello. A escola é un punto de encontro e unha infraestrutura comunitaria. Cando desaparece, non só cambia a vida dos cativos e cativas, senón tamén unha parte da vida cotiá do lugar.
CASOS DE ESTUDO · DATO A DATO
- CHANDREXA DE QUEIXA (OURENSE)
- Poboación: 471 habitantes (2025) | 15 menores de 15 anos | 228 maiores de 65 | Idade media: 63,7 anos | Superficie: 171,8 km².
- Renda dispoñible bruta: 12.136 €/habitante (2023).
- Escola e sanidade: 0 alumnos matriculados en infantil, primaria e ESO no municipio. Atención primaria en Celeiros. O acceso hospitalario de referencia sitúase en Ourense, a aprox. 60 km desde a capitalidade municipal.
- O DATO: 471 habs. · Idade media 63,7 anos · 0 alumnos · aprox. 60 km ao hospital
- A VEIGA (OURENSE)
- Poboación: 873 habitantes (2025) | 43 menores de 15 anos | 380 maiores de 65 | Idade media: 58,3 anos.
- Renda dispoñible bruta: 16.539 €/habitante (2023).
- Escola e sanidade: 22 alumnos. Atención primaria local. Hospital de referencia no Barco de Valdeorras, a aprox. 22 km desde A Veiga.
- O DATO: 873 habs. · Idade media 58,3 anos · 22 alumnos · aprox. 22 km ao hospital.
- FOLGOSO DO COUREL (LUGO)
- Poboación: 924 habitantes (2025) | 36 menores de 15 anos | 405 maiores de 65 | Idade media: 59,3 anos
- Renda dispoñible bruta: 13.313 €/habitante (2023).
- Escola e sanidade: CPI Poeta Uxío Novoneyra (33 alumnos: 5 en infantil, 17 en primaria e 11 en ESO). Atención primaria municipal. Hospital Público de Monforte a aprox. 44 km por estrada.
- O DATO: 924 habs. · Índice envellecemento 784,9 · 33 alumnos · aprox. 44 km ao hospital.
- NEGUEIRA DE MUÑIZ (LUGO)
- Poboación: 237 habitantes (2025) | 25 menores de 15 anos | 67 maiores de 65 | Idade media: 50,2 anos.
- Renda dispoñible bruta: 8.152 €/habitante (2023), a máis baixa dos sete municipios analizados.
- Escola e sanidade: 3 alumnos, todos en primaria. Consultorio local. Para atención hospitalaria e especializada, a referencia é o HULA de Lugo, a varias decenas de quilómetros por estrada.
- O DATO: 237 habs. · Renda 8.152 €/hab. · 3 alumnos · Consultorio local.
- VIGO (PONTEVEDRA)
- Poboación: 295.735 habitantes (2025) | Idade media: 47,2 anos.
- Renda dispoñible bruta: 20.061 €/habitante (2023).
- Escola e sanidade: ampla rede urbana de atención primaria e hospitalaria, con hospitais de referencia e oferta educativa desde infantil ata a universidade.
- O DATO: 295.735 habs. · Idade media 47,2 anos · Rede hospitalaria e educativa urbana.
- A CORUÑA
- Poboación: 251.277 habitantes (2025) | Idade media: 47,6 anos.
- Renda dispoñible bruta: 24.327 €/habitante (2023).
- Escola e sanidade: o CHUAC é un dos hospitais de referencia da área sanitaria e a cidade conta cunha ampla oferta educativa e sanitaria.
- O DATO: 251.277 habs. · Renda 24.327 €/hab. · Rede sanitaria e educativa urbana.
- SANTIAGO DE COMPOSTELA
- Poboación: 100.842 habitantes (2025) | Idade media: 46,6 anos.
- Renda dispoñible bruta: 23.581 €/habitante (2023).
- Escola e sanidade: o CHUS é o hospital de referencia da área sanitaria e a cidade conta cunha ampla oferta educativa, incluído o campus universitario.
O DATO: 100.842 habs. · Idade media 46,6 anos · Rede sanitaria e educativa urbana.
Conclusión (II)
O custo de vivir no rural non se mide só en euros, senón tamén en distancia e tempo de acceso aos servizos públicos esenciais.

Os casos da Veiga, Chandrexa de Queixa, Folgoso do Courel e Negueira de Muñiz permiten observar dimensións distintas dun mesmo problema. Nos concellos analizados, a comunidade escolar vai de 0 a 33 alumnos e iso, sumado ao escaso acceso hospitalario, pode implicar percorrer varias decenas de quilómetros por estrada. A baixa densidade de poboación obriga a organizar os servizos públicos nun territorio máis disperso e fai que, para determinadas atencións, a veciñanza residente teña que asumir desprazamentos que nunha cidade se producen dentro do propio espazo urbano.
Pero estas comunidades non son territorios baleiros nin espazos onde a poboación acepta pasivamente a perda de servizos. As familias do Courel reclamaron rutas escolares seguras; a veciñanza de Negueira e A Fonsagrada mobilizouse pola falta de persoal médico; as asociacións e profesionais sanitarios impulsaron iniciativas para mellorar a atención e combater a soidade. As denuncias, as protestas e as propostas das persoas habitantes forman parte da propia historia destes lugares nos que o esforzo colectivo reclama que vivir nun municipio pequeno non signifique renunciar a servizos públicos dignos.
A distancia é unha condición xeográfica; que se converta nunha barreira depende tamén de como se organizan os servizos, de que recursos se destinan a eles e de se as necesidades das comunidades rurais son atendidas coma unha cuestión de igualdade.