Marta Álvarez Quintero: “Cando empecei na granxa pensei, ‘non vou volver ligar na miña vida’”

A propietaria de Granxa Maruxa, en Monterroso, é unha das responsables da existencia –e o éxito– do festival Agrocuir.

Marta Álvarez Quintero. Fotos: Brais Lorenzo.

Cando Marta Álvarez Quintero (Vigo, 1971) tomou as rendas da granxa de seu pai, en Cumbraos (Monterroso, Lugo), choveu sete meses seguidos. Non sabía nada do agro, nunca vivira nunha aldea e estaba de sufrir un desamor: a súa relación coa muller pola que se desprazara á Ulloa chegara ao seu fin. Filla da fotógrafa Mary Quintero e de José Álvarez, ”un dos primeiros propietarios de granxa que houbo en Galicia”, conta, Marta tivo que decidir. E escolleu quedar na granxa.

Vinteseis anos despois daquela decisión, Álvarez Quintero é a propietaria de Granxa Maruxa e unha das responsables da existencia –e o éxito– do festival Agrocuir, un evento que reúne cada verán a centos de persoas amantes da colectividade, a loita, a identidade e os bicos de amor diverso. Alí, en plena comarca da Ulloa, Marta convive coa veciñanza e o público nunha aldea implicada na defensa do territorio que, contra todo prognóstico, non perdeu habitantes en todo este tempo. Alí volveu namorar. E alí segue na defensa do territorio e na loita contra Altri.

Como acaba unha viguesa na granxa dunha aldea de Monterroso? 

A granxa fundouna meu pai hai moitos anos, pero chegou un momento no que miña nai lle dixo: “A ver, Pepiño, ou a granxa ou eu”. E el foise con ela. Cando se xubilaron os caseiros que levaban aquí toda a vida empezamos a alugar a granxa e, cando estaba acabando o contrato de arrendamento dos últimos inquilinos que tivemos, eu, que estaba namoradísima dunha moza que vivía aquí, en Monterroso, decidín facerme cargo da granxa cando acabara o contrato. Xa tiña as terras e, aínda que as instalacións estaban moi obsoletas, esa era unha base moi importante.

Que relación tiña a túa familia co concepto de rural?

O único que se dedicaba dalgunha maneira ao campo era o meu pai. Foi moi pionero, un dos primeiros propietarios de granxa que houbo en Galicia. No ano 1978 a súa era a cuarta granxa da Comunidade. Empezou a traer vacas de Holanda, que chegaban ao porto de Vigo. Foi unha cousa moi revolucionaria: o primeiro silo que se fixo na comarca foi aquí, e tamén o primeiro tanque de leite frío. A piscina que temos na granxa é un tanque de rego feito hai 50 anos porque meu pai dicía que ía haber problemas de auga en Galicia. El sempre foi un referente importantísimo para min, como tamén a miña nai. Tomei a decisión sen ter nin idea de agricultura nin de gandeiría. Simplemente o meu corazón estaba aquí. Aquela moza e eu deixámonos dous meses antes de empezar na granxa en firme, pero iso tamén está ben: foi unha aprendizaxe, tomei unha decisión e decidín tirar para adiante.

Como se toma a decisión xa non de vivir, senón de emprender no rural?

No meu caso, creo que foi a sorte de facer sempre as cousas dende o corazón. Quería vivir aquí e tiña esa posibilidade, tiña ganas de facer e de aprender e así fóronme xurdindo as cousas. Alucinei con todo o que me ensinaron as vacas, a vida no rural e o que eu chamo “modo aldea”: ti sementas unha pradeira e tes que esperar ata que naza, mais iso depende de como veña o tempo; inseminas unha vaca e agardas meses, pero ás veces hai abortos. Nunca sabes e tes que adaptarte. A adaptación foi unha das cousas máis importantes da miña vida.

“Alucinei con todo o que me ensinaron as vacas, a vida no rural e o que eu chamo ‘modo aldea’. A adaptación foi unha das cousas máis importantes da miña vida”

Lembras os inicios na granxa?

Cando empecei, o 1 de setembro do ano 2000, o primero que pensei é que non ía volver ligar na miña vida. Vin que estaba todo bastante desastroso, que non podía ter tempo libre e que non podía ter moita xente traballando comigo. A gandeiría de leite é todos os días, non hai domingos libres, non hai 1 de xaneiro, non hai día do teu aniversario, tes que muxir as vacas dúas veces o día. Pero leveino con graza, non negándome. Co tempo fun facendo unha granxa un pouquiño máis estética, parecíame que tiña que facer o mesmo que miña nai coa fotografía: toda a casa está pintada por Paula Fraile e sempre intento incorporar cousas artísticas. Teño unha carballeira na entrada da granxa e estou adicando cada carballo a mulleres inspiradoras da comarca da Ulloa a modo de homenaxe. A loita contra o proxecto de Altri tamén está moi presente.

Viviches en Vigo e agora en Cumbraos. Que destacas de vivir no rural e que tópicos xeralizados cres que existen?

Penso que moitos están moi equivocados. Ao final, as xentes do rural somos moltísimo máis abertas do que se pode crer. Aquí a vida é moito máis interxeracional: temos sete bares, dúas librarías e pouco máis e, ao final, se hai algún tipo de acto ou un concerto xuntámonos todos e iso é enriquecedor. Aprendemos tanto da xente pequena como da xente máis maior. Iso non quita que, no meu caso, cando empecei na granxa había comentarios na aldea como “esta moza de familia boa, con carreira, vai deixar a granxa en nada”, e había mesmo apostas porque non quería vir ninguén a traballar comigo. E tiñan algo de razón porque non sabía nada (ri).

Pero pódese aprender, non? 

É posible aprender, claro, como eu aprendín das vacas e da resistencia: o ano que empecei na granxa choveu sete meses seguidos. Meu pai ensinoume moitísimas cousas, aínda que xa era maior, pero tamén estivo un señor marabilloso, Daniel Currás, que morreu hai uns anos. Foi unha alma caritativa. Empecei a traballar un domingo e conseguín que viñera conmigo o sábado anterior. Penso que me viu e dixo: “Esta rapaza vaise meter nun fregao…” (ri).

Adoita entenderse a aldea como menos diversa, menos aberta, máis conservadora. Que opinas diso?

Non comparto esa impresión. Inicialmente eu pecheime, viña blindada de Vigo, saíra do armario moi cedo con pleno apoio da miña familia e cheguei aquí pensando que a ver como me aceptaban. Realmente o que atopei foi un apoio fortísimo de toda a aldea e pensei: “Pois ao mellor es ti a que estás máis pechada”. O que sinto, e síntoo de verdade, é cariño e bo trato por parte de todo o mundo. Seguramente teño máis dun detractor, pero dende logo non o percibo. Cando comezamos a celebrar o Agrocuir crin que quizais algunhas persoas podían pensar mal, pero cando aparecín cunha rapaza da man chiscábanme o ollo con aceptación.

“Saíra do armario moi cedo e viña blindada. Atopei un apoio fortísimo de toda a aldea cando cheguei e pensei: ‘Pois ao mellor es ti a que estás máis pechada’”.

Estiveches aí no inicio do Agrocuir, como unha das impulsoras.

Quen o iniciou todo foi en realidade Braulio Vilariño, cunha iniciativa en Palas de Rei que se chamaba Orgullo Mohicano. Eu fixen un festival na miña granxa, o Monterrosón, viñeron tanto el como Davide Salvado e Adrián Gallero e dixeron que querían facer un festival en Palas, o Agrogai. Pero cando chegaron á granxa viron que este era o mellor lugar: son lesbiana, teño unha granxa de vacas e vivo do rural. A maneira na que naceu o Agrocuir foi unha cousa preciosa, había moita verdade por todos os lados.

O Agrocuir é toda unha referencia LBTIQ+ e hai réplicas noutras zonas de España. Queredes fuxir do macrofestival. Por que?

É que isto é unha celebración de vivir no rural, de ser diversas, de compartir as nosas experiencias e un xeito de defender onde vivimos, que é algo importantísimo: o Agrocuir non é só un festival de diversidade sexual, é a defensa do territorio e da sostibilidade. Iso non é compatible cun macrofestival que o que fai é xerar lixo. O Agrocuir sempre foi un festival diurno para poder facer romaría, falar e atoparte con xente. Non cobramos entrada, isto non é ningún gueto. É naturalizar a vida no natural, na aldea, e compartir estas vivencias que temos sen masificar.

“O Agrocuir non é só un festival de diversidade sexual, é a defensa do territorio e da sostibilidade”

Como vai medrando o festival co tempo?

Gústanos pensar nun crecemento con réplicas noutros lugares. Fixemos o obradoiro “Pon un Agrocuir en cada aldea” porque, vendo o ben que fixo na Ulloa, ten que ser unha cousa pequena que permee no territorio para que esta diversidade que temos vaia medrando. A apertura da comarca foi alucinante, houbo moita xente que saíu do armario grazas á normalización. Lembro que o primeiro ano do festival achegouse un rapaz para a darme as grazas. Díxome que o seu irmán acababa de saír do armario e os pais pensaban que o seu fillo era o único no mundo ao que lle gustaban os homes. Saíron esa fin de semana a Monterroso e, ao ver esa diversidade de homes e mulleres bicándose, para eles supuxo visibilizar e normalizar que somos todas as persoas somos iguais. 

O Agrocuir foi tamén unha referencia na loita contra o proxecto de Altri na Ulloa, como tamén a xente da comarca. Parece que finalmente se lle deu carpetazo.

Si, foino, pero aínda non se pode cantar vitoria porque se cambia o goberno central pode haber cambios. Nós seguimos aquí, na loita.

Nesas loitas, ten o rural un aquel de colectividade e comunidade que non teñen tanto as cidades?

Por suposto. Eu estou convencidísima. Na aldea todos traballan nas leiras propias e alleas cando fai falta axudarse nas colleitas, antes íase en grupo ao muíño a moer… Esa cultura de comunidade que houbo sempre aínda está presente agora. Teño amigas que viven en Vigo en bloques de vivendas de 200 persoas e non saben quen máis vive aí. Dende a miña experiencia no rural, sabes perfectamente quen colinda contigo. Sempre vas atopar excepcións, por suposto, pero, polo xeral, se precisas axuda sempre vas ter a catro persoas axudando.

“Con Altri aínda non se pode cantar vitoria porque se cambia o Goberno central pode haber cambios. Nós seguimos aquí, na loita”

Contra a tendencia xeral do rural galego, nin a aldea nin a parroquia de Cumbraos perderon poboación en 26 anos. Por que cres que é?

O Agrocuir está facendo que xente que vén de público –como pasou con varios amigos de Adrián Gallero– acabe vivindo aquí. Todos os anos hai novas incorporacións. Hai persoas de Toledo, Santander, Madrid, Barcelona ou Sevilla que mercan casas, falan galego e bailan a muiñera e tocan a pandeireta mellor que calquera galego. A integración é impresionante. A comarca da Ulloa ten algo que atrapa e estase repoboando de xente interesantísima a nivel cultural. Está Ralf Jürgens, por exemplo, que fundou a casa Do Picho, un home que traballou polos Dereitos Humanos en 83 países e decidiu asentarse aquí e impulsar unha residencia artística. Son cousas moi esperanzadoras. E non só dende un punto de vista da produtividade, senón da cultura. É habitar o territorio aprendendo del.

Comparte:

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore
Ir o contido