Alba R. Saavedra: “O fondo de fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia é un tesouro nas mans”

A tradutora e investigadora Alba Rodríguez Saavedra publica “Ruth Matilda Anderson: tradutora das marxes” (Laiovento, 2025), un traballo arredor da pegada da fotógrafa en Galicia.
A tradutora e investigadora Alba Rodríguez Saavedra

A tradutora e investigadora Alba Rodríguez Saavedra

Hai case vinte anos que a tradutora e investigadora Alba Rodríguez Saavedra reparou por primeira vez na figura de Ruth Matilda Anderson. Ese contacto acabou desenvolvendo unha investigación que hoxe ve a luz nun libro, Ruth Matilda Anderson: tradutora das marxes (Laiovento, 2025)

O labor de investigación de Alba Rodríguez Saavedra (Teo, 1980), recollido no libro Ruth Matilda Anderson: tradutora das marxes (Laiovento, 2025) achega unha gran descuberta: a muller de Nebraska que chegou a Galicia a inicios do século XX para fotografar unha parte fundamental da nosa historia tamén analizou e escribiu o noso país, falou na nosa lingua propia e traduciu a Rosalía de Castro directamente do galego ao inglés.

Grazas en gran parte ao exhaustivo traballo de Saavedra hoxe hai luz sobre unha muller estranxeira que, malia permanecer oculta durante décadas, é fundamental para coñecermos a nosa propia historia. Luz sobre as súas fotografías, das que ata hai uns días descoñeciamos o 90%: a Hispanic Society of America acaba de comezar a poñer a disposición do público, en formato dixital, as 5.000 fotos que Anderson tomou en Galicia entre 1924 e 1926.

Festa de San Roque. Postos e vendedores (Vigo) Ruth Matilda Anderson – Arquivo dixital Hispanic Society of America

Como valoras que a Hispanic Society of America comece a poñer en aberto as fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia?
Paréceme un fito e un momento que teriamos que destacar. Durante moito tempo estivemos falando do traballo fotográfico de Ruth Matilda Anderson como representativo dun momento extraordinario de cambio dentro de Galicia, retratando o noso país dunha maneira diferente ao poñer foco naquilo que na historiografía sempre quedou máis nas marxes. Agora temos un tesouro de 5.000 imaxes que a HSA está colocando en acceso aberto na súa biblioteca dixital. Con todo, tamén cómpre sinalar que se trata de acceso, os dereitos de reprodución continúan sendo da entidade estadounidense, xaora.

Ademais, é un fondo que se vai ir enriquecendo: ao ser un proxecto vivo, todo o arquivo de Anderson vai estar aí, non só o de Galicia. É unha marabillosa noticia e, como tal, gustaríame destacar o papel que neste fito desempeñan Beatrice Lee Sampedro, Patrick Lenaghan e Noemí Espinosa Fernández, as persoas responsables da materialización deste soño.

Que destacarías dese traballo inédito, até o de agora, para o gran público?
Poño o foco no recoñecemento que temos que ter dende aquí cara a unha investigadora, unha muller que foi formada en fotografía e que tamén foi mestra pola súa traxectoria educativa, pero que se iniciou na etnografía e na investigación de campo para ofrecernos un retrato dun momento peculiar e especial para o noso país. Dentro do que vemos nesas imaxes creo que podemos destacar, sobre todo, unha mirada que foxe completamente da condescendencia que podería ser habitual nunha investigadora das súas características.

Mulleres arrastrando unha rede de pesca dende o mar (Dumbría) Ruth Matilda Anderson – Arquivo dixital Hispanic Society of America

Vemos un traballo que vai mellorando co paso do tempo, e iso é marabilloso, porque implica ese grao de querenza pola formación. Imos vendo un cambio tamén no trato dos seus suxeitos retratados e na súa ollada cara a eles, e aí compróbase o nivel de vinculación que Ruth Matilda Anderson acabou tendo con Galicia e as súas xentes. Ese grao de empatía e respecto co que ela fotografa as persoas coas que se foi atopando para min constitúe un dos trazos fundamentais para salientar o seu traballo, máis alá das características técnicas e tamén das implicacións que ten a nivel histórico.

“Ese grao de empatía e respecto co que ela fotografa as persoas coas que se foi atopando para min constitúe un dos trazos fundamentais para salientar o seu traballo”

De que maneira chegaches a Ruth Matilda Anderson e por que decidiches afondar na súa figura?
Cheguei a Ruth Matilda Anderson no ano 2008, a raíz da preparación que en Afundación se estaba producindo para a exposición Unha mirada de antano. En 2009 foi rotando por diferentes cidades de Galicia e eu tiven a fortuna de traballar na edición e na tradución do seu catálogo xunto con outras compañeiras das que aprendín moitísimo. Descubrín a figura dunha fotógrafa extraordinaria, cunhas imaxes que realmente me conmoveron e que me permitiron situar tamén a historia e a vida das miñas devanceiras.

Mais non fun consciente nese momento do grao de relevancia que Anderson acabaría tendo para todas as persoas dentro do país. Sabía que fixera unha publicación sobre Galicia –Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña (1939)–, pero, por circunstancias, non lle dei máis relevancia. Pasado o tempo, e grazas a este traballo, establecín unha relación de amizade con xente da HSA e fixéronme chegar o libro, que en Galicia non se podía adquirir. Unha vez lido, pensei que era estupendo e nada máis, ata que, nunha segunda lectura, decateime de que había peculiaridades que pasara por alto durante moitos anos. Unha delas foi descubrir que Anderson traducía literatura galega ao inglés, as Cantigas Medievais, por exemplo. Pero algo que me chamou poderosamente a atención foi que traducía a Rosalía de Castro. Dado que este libro se publicou no ano 1939, nesa lectura casi epifánica pasoume pola cabeza se, ao mellor, Ruth Matilda Anderson puidese ser a primeira tradutora de Rosalía de Castro directamente do galego ao inglés.

É Anderson a maior tradutora de Rosalía de Castro do galego ao inglés?
Foi unha hipótese na que estiven traballando e, de feito, cheguei a publicar que si, pero hoxe en día desbótoo por diferentes cuestións. Non obstante, Ruth Matilda Anderson si que é en Gallegan Provinces, ata onde eu sei, a maior tradutora de Rosalía de Castro directamente do galego ou inglés ata o ano 1964. Porén, en ningún rexistro, en ningunha bibliografía, en ningunha catalogación aparecía este feito –que eu saiba, como sempre digo, porque me podo equivocar e poden xurdir novos datos que me contradigan–. Considerei esa liña moi interesante para traballar sobre ela dende unha pregunta obvia: por que as traducións de Ruth Matilda Anderson de Rosalía de Castro non aparecían en ninguna catalogación? A partir de aí, desenvolvín un estudo que me levou a publicar o meu libro.

“Ruth Matilda Anderson si que é en ‘Gallegan Provinces‘, ata onde eu sei, a maior tradutora de Rosalía de Castro directamente do galego ou inglés ata o ano 1964. Porén, en ningún rexistro, en ningunha bibliografía, en ningunha catalogación aparecía este feito”

No teu libro, Ruth Matilda Anderson: tradutora das marxes (gañador do Premio Follas Novas na categoría de Ensaio), sinalas que houbo un silenciamento desa Galicia eminentemente rural e eminentemente feminina. Por que cres que o houbo?
Coido que a mirada que Anderson verte no seu libro entra bastante en contradición coa mirada da intelectualidade galega daquela altura, tendente a destacar as figuras masculinas,en detrimento das femininas e da infancia. Pola contra, no libro de Anderson son as mulleres quen aparecen permanentemente, tanto no discurso gráfico, composto por unha cinconcentas imaxes, como no escrito, a través dun relato detallado sobre a vida en Galicia. Foron as mulleres, as nenas e os nenos as súas fontes de información máis relevantes na investigación de campo.

Detalle de zapatillas de pano usadas con zocos de madeira (Malpica) Ruth Matilda Anderson – Arquivo dixital Hispanic Society of America

O fío dos argumentos que Ruth Matilda Anderson vai desenvolvendo ao longo do libro sostéñeno basicamente Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Son elas dúas as que aparecen con nome e apelidos. O resto da intelectualidade galega, os eruditos que tiñamos daquela –e que son absolutamente imprescindibles para comprender os cambios acontecidos no noso país–, aparecen, están lidos, foron consultados, pero os seus nomes propios non aparecen nas páxinas centrais, senón nos apéndices bibliográficos. Con nome e apelidos, ocupando o centro, aparecen as mulleres. Creo que esa é unha subversión que puido non sentar nada ben naquel momento, e pode ser unha explicación de por que o seu libro quedou nas marxes.

“Coido que a mirada que Anderson verte no seu libro entra bastante en contradición coa mirada da intelectualidade galega daquela altura, tendente a destacar as figuras masculinas,en detrimento das femininas e da infancia.”

Pos tamén en valor as moitas facetas de Anderson alén da fotografía, como ensaísta, por exemplo, ou como gran tradutora de Rosalía de Castro. Por que cres que estiveron ocultas tamén durante tanto tempo?
Coido que iso é simplemente unha réplica das diferentes estratexias que se producen para o silenciamento ou a invisibilización de determinados grupos. Neste caso, o primeiro dos elos deste proceso sería unha invisibilización completa, o silencio máis absoluto, e ese foi o caso de Ruth Matilda Anderson durante tempo (agás algunhas contadísimas excepcións). A partir de certo momento ese silencio xa non puido continuar porque os sistemas literarios son entidades vivas que están en permanente movemento, de maneira que determinadas figuras poden entrar nos cánones. Cando Anderson xa non puido permanecer moito máis tempo silenciada, acabou entrando.

Secando o feo (Celanova) Ruth Matilda Anderson – Arquivo dixital Hispanic Society of America

Porén, ante esa inxerencia que pode considerar o canon desenvólvense outras ferramentas xa non tan burdas para intentar seguir mantendo estas figuras na marxe o maior tempo posible. Técnicas como pode ser, por exemplo, non negar a súa entrada, non negar a súa existencia, pero si intentar que se sosteña a partir da disciplina de menor prestixio que ela desenvolva. E aquí, con todos os meus respectos para a fotografía, o que se aplicou é unha gradación propia do sistema de artes: a fotografía, como arte máis nova, tamén vai ser considerada unha arte menor. E, polo tanto, Ruth Matilda Anderson non puido entrar como unha ensaísta. Ensaísta significaba outorgarlle unha talla intelectual importante.

Aí quedará durante tempo. Até que chega un momento no que, evidentemente, iso tampouco era sostible e empezamos a descubrir que non foi só fotógrafa, senón que, ademais, foi tradutora. Ademais, foi ensaísta. Ademais, foi investigadora. Se fose home, de contado estariamos a dicir que era un home poliédrico.

Escolleu a Rosalía e a Pardo Bazán como referentes para o seu traballo de campo en Galicia, mentres os grandes homes intelectuais só aparecen citados nas páxinas finais. Como interpretas isto? Hai unha intencionalidade ou quizais un rigor pola súa parte?
Evidentemente, é intencionado. O rigor é absoluto e total, porque mulleres cun traballo tan rigoroso e metódico como o seu, francamente, coñezo poucas. Pero a intencionalidade está. No seu libro aparece algún nome propio de autor, pero é algo moi puntual e noméaos cando xa levan tempo mortos, sobre todo os de etapas medievais e modernas. Na etapa contemporánea, a un polo que sentía fondísima admiración nin tan sequera lle pon nome e apelidos: chámalle The President, o presidente. É unha referencia a Casto Sampedro (presidente do precedente do Museo de Pontevedra). Tamén podería referirse a Rosalía de Castro como A Poeta ou a Emilia Pardo Bazán como A Novelista, pero non, a elas cítaas con nome e apelidos. Polo tanto, está claro que si que existe unha intencionalidade á hora de establecer cales son os criterios nos que vai abordar a cuestión da presenza feminina e da presenza masculina.

Mulleres vendendo patacas no mercado (Santiago de Compostela) Ruth Matilda Anderson – Arquivo dixital Hispanic Society of America

Se me preguntas polo compromiso feminista de Ruth Matilda Anderson non sabería que dicir porque non teño información ao respecto, pero debemos ter en conta que as nosas escollas son reflexo do noso pensamento. Polo tanto, no momento no que ela decidiu conformar un libro con estas características está trasladando a súa intencionalidade.

Que porcentaxe das fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia tiñamos ata o de agora?
En Galicia coñeciamos 500 imaxes, máis ou menos, e o seu fondo sobre o noso páis está composto por 5.000, así que só tiñamos coñecemento dun 10%. Agora temos un lugar de referencia para coñecermos realmente esa marabillosa década dos anos 20, chea de contrastes impresionantes, na que se produciron uns avances tecnolóxicos absolutamente determinantes para o cambio industrial mentres, a un tempo, persistían unhas formas de vida e de traballo que, a non moito tardar, acabarían desaparecendo. Creo que o fondo de fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia é un tesouro nas mans absolutamente fabuloso.

“En Galicia coñeciamos 500 imaxes, máis ou menos, e o seu fondo sobre o noso páis está composto por 5.000, así que só tiñamos coñecemento dun 10%.”

Bótanse en falta espazos dedicados á fotógrafa de Nebraska en Galicia. Veremos algún día a obra de Anderson nun espazo museístico na nosa terra?
Si, estaría ben poder contar en Galicia con algún tipo de presenza constante e permanente de Ruth Matilda Anderson. Ben é certo que hai imaxes da súa autoría no Museo do Pobo Galego que son detectables. Non están sinaladas como súas en todos os casos, pero están aí.

Tamén cumpriría ter certos espazos, monumentos e homenaxes. A Universidade de Santiago de Compostela organiza cada ano o Premio de Fotografía Ruth Matilda Anderson e é fantástico, pero non temos unha rúa dedicada a ela, como si a Archer Milton Huntington (fundador da HSA). De feito, no Hotel Suízo de Santiago, na placa emblemática das persoas que alí se hospedaron, figuran Hemingway e Torrente Ballester, pero Anderson, que estivo allí, e tamén Edith Wharton, autora d’A Idade da Inocencia (1920), que tamén estivo alí, non figuran. Sería interesante poder contarmos con estes recordatorios, que nos trasladan a importancia que tivo aquí, en determinados momentos, xente como Ruth Matilda Anderson, estudando e reparando no noso país.

Comparte:

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore
Ir o contido