NOVAS

O PROXECTO 'HABITAR O BALEIRO' DÁ UN PASO ADIANTE CARA Á GRAN PANTALLA

O colectivo Habitar o baleiro, canda á produtora viguesa Metropolis.coop, vén de poñer en marcha unha campaña de crowdfunding para financiar o seu futuro documental.

Fotograma do 'teaser' de presentación do documental.

25.06.2025. O colectivo Habitar o baleiro, canda á produtora viguesa Metropolis.coop, vén de poñer en marcha unha campaña de crowdfunding para financiar o seu futuro documental. O grupo formado por xornalistas, fotógrafo e profesionais do audiovisual busca levar á gran pantalla o seu traballo de documentación do despoboamento e a vida no rural galego.

A campaña márcase un obxectivo óptimo de 102.100 euros para sufragar os gastos de gravación sobre o terreo, especialmente nas zonas máis despoboadas das provincias de Ourense e Lugo, para documentar o que nace e o que morre e o impacto ambiental e climático nas aldeas de Galicia.

O documental conta co apoio da Deputación de Ourense e do Festival de Cine de Ourense (OUFF).

O proxecto Habitar o baleiro conta xa cunha exposición itinerante en marcha –neste intre no Museo Quiñones de León de Vigo (Pazo de Castrelos)–, con fotografías do fotógrafo Brais Lorenzo e textos dos xornalistas Cláudia Morán, Manolo Broa, Alba Moledo, Sergio Pascual e Lucía Abarrategui; e tamén cunha serie de reportaxes publicadas en medios de comunicación.

Ambos formatos, exposición e reportaxes, amosan as luces e as sombras dalgunhas das áreas máis despoboadas de Galicia e exploran a posibilidade dunha vida e un futuro nas áreas rurais. As historias recollidas polo colectivo condensaranse no documental Habitar o baleiro, co apoio de voces de persoas expertas en distintos eidos para abarcar do mellor xeito posible a complexidade da temática.

“Con este formato queremos dar un punto de honestidade e pór o foco sobre o que está pasando no rural, todo iso que neste momento non estamos mirando”, sinala Miguel Riaño Roa, director do documental. “A imaxe é unha ferramenta de loita, de preservación da memoria, e xoga cunha perspectiva de testemuño e documento histórico: as imaxes melloran, case sempre, co paso do tempo”, achega Brais Lorenzo, director de fotografía. “No baleiro sempre acabas atopando vida: xunto con esa realidade que está a desaparecer sempre hai outras que están nacendo”, apunta Cláudia Morán.

Habitar o baleiro está formado por Lorenzo, Morán, Manolo Broa, Alba Moledo, Alba R. Saavedra e Sergio Pascual, co apoio dos profesionais do audiovisual Riaño, Thomas Harris e Juan Carlos García.

Campaña de crowdfunding.

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore
Ir o contido