NOVAS

LUGO ACOLLE A MOSTRA 'HABITAR O BALEIRO', UNHA OLLADA DOCUMENTAL AO DESPOBOAMENTO EN GALICIA

Entre os escenarios das imaxes atópanse concellos como Folgoso do Courel, Cervantes, Chantada ou A Fonsagrada.

19.02.2025. A mostra Habitar o baleiro, un traballo de fotografías e textos do colectivo do mesmo nome que traballa para documentar o despoboamento e a vida no rural de Galicia, inaugúrase este 21 de febreiro ás 18:30 horas no Museo Provincial de Lugo.

Con fotografías de ata dez anos de traballo do fotógrafo Brais Lorenzo (Ourense, 1986) e textos dos xornalistas Cláudia Morán, Manolo Broa, Sergio Pascual e Lucía Abarrategui, a exposición documenta o que nace e o que morre nalgunhas das áreas máis despoboadas de Galicia. Configúrase a partir dunha narrativa complementada por audios, vídeos e textos que crean, en conxunto, unha experiencia inmersiva. A exposición xa foi vista por máis de 7.000 persoas nas visitas e as mostras guiadas que se desenvolveron en 2024 no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) e o Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense).

Organizada pola área de Cultura da Deputación de Lugo e a Rede Museística Provincial de Lugo, Habitar o baleiro forma parte dun proxecto xornalístico homónimo con vocación de longo percorrido formado por Lorenzo, Morán, Broa, Pascual, Abarrategui e Alba Moledo, co apoio dos profesionais do audiovisual Miguel Riaño, Thomas Harris e Juan Carlos García.

“Este proxecto xorde do amor pola vida que latexa no rural como un exercicio de memoria e de preservación. Queremos abrir debate a través do xornalismo sobre unha temática que está a acontecer diante de nós. Unha parte importante de Habitar o baleiro radica na provincia de Lugo, nas historias vitais, persoais e ambientais das súas aldeas, que explican en gran parte quen somos”, sinala Brais Lorenzo.

A soidade, o illamento ou o abandono nalgunhas das zonas con maior perda de poboación de Galicia son algunhas das temáticas, mais tamén outra cara máis amable das áreas rurais, como a repunta do interese polo sector primario ou a visión do Entroido como ferramenta de reivindicación e preservación cultural e do territorio. Entre os escenarios das imaxes atópanse concellos como Folgoso do Courel, Cervantes, Chantada ou A Fonsagrada.

Habitar o baleiro é unha mostra viva que busca percorrer distintas cidades e vilas galegas. Conta tamén co apoio da Deputación de Ourense, o Museo do Pobo Galego, o Festival de Cine de Ourense (OUFF) e o Concello de San Xoán de Río.

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore
Ir o contido