Tras recibir a visita de 25.000 persoas, a exposición exhíbese na sede de Afundación da praza da Constitución
Despois de percorrer boa parte da xeografía galega e recibir a máis de 25.000 visitantes entre 2024 e 2025, “Habitar o baleiro” toma terra en Ferrol. Dende o luns 8 de xuño e até o vindeiro 31 de xullo, as salas da sede de Afundación (situada na praza da Constitución) convértense no escenario onde o rural galego, coas súas luces e as súas sombras, alza a voz.
A exposición inaugurouse o día 8 de xuño con dous pases de visitas guiadas (ás 18:00 e ás 19:00 horas) nas que membros do colectivo acompañaron ao público para compartir as historias que hai detrás de cada imaxe e de cada palabra.
Unha viaxe inmersiva polo que nace e o que morre
Máis ca unha exposición estática, “Habitar o baleiro” concibiuse como unha experiencia inmersiva. Quen se achegue á sede de Afundación atopará un diálogo vivo a través de diferentes disciplinas, partindo da ollada de Brais Lorenzo e case 100 fotografías que sintetizan unha década de incansable traballo documental do fotógrafo ourensán.
As imaxes van acompañadas das crónicas e textos asinados por Cláudia Morán, Manolo Broa, Alba Moledo, Sergio Pascual, Alba R. Saavedra e Lucía Abarrategui, que poñen contexto e alma aos rostros e paisaxes. Ademais, a mostra incorpora pezas de audio e unha pequena peza de vídeo que axudan a recrear a atmosfera desas latitudes onde o silencio se escoita máis forte.
Este proxecto confírmase como o resultado de máis de dous anos de intensa documentación sobre o terreo nas áreas máis despoboadas da nosa comunidade. Nesta parada ferrolá, cobra un significado especial a ollada posta sobre a comarca de Ortegal, un dos territorios que plasma de xeito máis evidente este complexo equilibrio entre o abandono e a resistencia.
“Este proxecto xorde do amor pola vida que latexa no rural como un exercicio de memoria e de preservación. Queremos abrir debate a través do xornalismo sobre unha temática que está a acontecer diante de nós.” – Brais Lorenzo, fotógrafo do colectivo.
O rural son as súas feridas, pero tamén a súa potencia
A mostra recolle a dureza “da soidade, o illamento ou o abandono”, indica Cláudia Morán, realidades innegables de moitas aldeas galegas. Porén, “Habitar o baleiro” tamén quere poñer o foco sobre a cara máis amable e luminosa: o valor comunitario de ritos ancestrais coma o Entroido, a importancia da vida en conexión coa natureza e a semente de futuro que supón a repunta do interese polo sector primario.
O baleiro non sempre significa ausencia; moitas veces é un espazo de resistencia que agarda ser escoitado.