NOVAS

A MOSTRA 'HABITAR O BALEIRO' ATERRA EN OURENSE CUNHA OLLADA DOCUMENTAL AO DESPOBOAMENTO EN GALICIA

A mostra itinerante inaugúrase este 9 de setembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, onde permanecerá ata o vindeiro 3 de novembro.

09.09.2024. A mostra itinerante Habitar o baleiro, síntese de 10 anos de traballo de documentación do fotógrafo Brais Lorenzo (Ourense, 1986) nalgunhas das áreas máis despoboadas de Galicia, inaugúrase este 9 de setembro ás 19:30 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, onde permanecerá ata o vindeiro 3 de novembro.

Coordinada por Tono Arias (Duci, Allariz, 1965), configúrase a partir dunha narrativa complementada por audios, vídeos e textos dos xornalistas Cláudia Morán, Elisabet Fernández, Sergio Pascual e Lucía Abarrategui que crean, en conxunto, unha experiencia inmersiva. A exposición xa foi vista por 1.400 persoas nas visitas e as mostras guiadas no Museo do Pobo Galego do 13 de xuño ao 31 de agosto.

Organizada polo Ourense Film Festival (OUFF), a Deputación de Ourense, o Centro Cultural Marcos Valcárcel e a Fundación Carlos Velo, Habitar o baleiro forma parte dun proxecto xornalístico homónimo con vocación de longo percorrido formado por Lorenzo, Morán, Fernández, Pascual, Abarrategui e Alba Moledo, co apoio dos profesionais do audiovisual Miguel Riaño, Thomas Harris e Juan Carlos García.

“Este proxecto xorde do amor pola vida que latexa no rural como un exercicio de memoria e de preservación. Queremos abrir debate a través do xornalismo sobre unha temática que está a acontecer diante de nós. Habitar o baleiro naceu en Ourense e é unha honra poder traer a mostra ao seu epicentro natural”, sinala Brais Lorenzo.

Na inauguración estarán presentes Lorenzo e parte do seu equipo, os directores do OUFF, Miguel Anxo Fernández, e do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Paco González, e representantes das institucións colaboradoras.

A soidade, o illamento ou o abandono nalgunhas das zonas con maior perda de poboación de Galicia son algunhas das temáticas, mais tamén outra cara máis amable das áreas rurais, como a repunta do interese polo sector primario ou a visión do Entroido como ferramenta de reivindicación e preservación cultural e do territorio. Entre os escenarios das imaxes atópanse concellos como San Xoán de Río, Laza, Maceda e Chandrexa de Queixa.

Habitar o baleiro é unha mostra viva que busca percorrer distintas cidades e vilas galegas. Conta tamén co apoio da Xunta de Galicia, o Museo do Pobo Galego, o Concello de Ourense e o Concello de San Xoán de Río.

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore
Ir o contido