NOVAS

A MOSTRA 'HABITAR O BALEIRO' ACHEGA A VIGO AS LUCES E AS SOMBRAS DO RURAL GALEGO

A mostra Habitar o baleiro, un traballo de fotografías e textos do colectivo do mesmo nome que traballa para documentar o despoboamento e a vida no rural de Galicia, inaugurouse este 8 de maio no Pazo de Castrelos-Museo Municipal Quiñones de León de Vigo.

Habitar o baleiro

08.05.2025. A mostra Habitar o baleiro, un traballo de fotografías e textos do colectivo do mesmo nome que traballa para documentar o despoboamento e a vida no rural de Galicia, inaugurouse este 8 de maio no Pazo de Castrelos-Museo Municipal Quiñones de León de Vigo.

Con fotografías de ata dez anos de traballo do fotógrafo Brais Lorenzo (Ourense, 1986) e textos dos xornalistas Cláudia Morán, Manolo Broa, Alba Moledo, Sergio Pascual e Lucía Abarrategui, a exposición documenta o que nace e o que morre nalgunhas das áreas máis despoboadas de Galicia. Configúrase a partir dunha narrativa complementada por audios, vídeos e textos que crean, en conxunto, unha experiencia inmersiva. Nesta sede, ademais, inclúense elementos etnográficos do Centro de Artesanía Tradicional do Concello de Vigo. A exposición xa foi vista por 16.000 persoas nas visitas que se desenvolveron no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), o Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense) e o Museo Provincial de Lugo (Lugo).

Organizada polo Concello de Vigo, Habitar o baleiro forma parte dun proxecto xornalístico homónimo con vocación de longo percorrido formado por Lorenzo, Morán, Broa, Moledo, Pascual e Abarrategui, co apoio dos profesionais do audiovisual Miguel Riaño, Thomas Harris e Juan Carlos García.

“Este proxecto xorde do amor pola vida que latexa no rural como un exercicio de memoria e de preservación. Queremos abrir debate a través do xornalismo sobre unha temática que está a acontecer diante de nós. Unha parte de Habitar o baleiro radica na provincia de Pontevedra e nas historias vitais, persoais e ambientais das súas zonas rurais, ademais das tradicións e ritos, que explican en gran parte quen somos”, sinala Brais Lorenzo.

A soidade, o illamento ou o abandono nalgunhas das zonas con maior perda de poboación de Galicia son algunhas das temáticas, mais tamén o oficio do marisqueo nas Rías Baixas e a cara máis amable das áreas rurais, como a repunta do interese polo sector primario ou a visión dos ritos como o Entroido ou as romaxes como ferramenta de reivindicación e preservación cultural e do territorio. Entre os escenarios das imaxes atópanse concellos como As Neves, Vilaboa e a contorna das rías de Arousa e Pontevedra.

Habitar o baleiro é unha mostra viva que busca percorrer cidades e vilas galegas. Conta tamén co apoio da Deputación de Ourense, o Museo do Pobo Galego, o Festival de Cine de Ourense (OUFF), a Fundación Roberto Rivas e o Concello de San Xoán de Río.

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore
Ir o contido