Unha ollada crítica desde o monte, a academia e o activismo
Cada verán, o lume regresa a Galicia coma unha tráxica tradición xa integrada no noso imaxinario estival. Tras os graves incendios do pasado ano, que arrasaron máis de 115.000 hectáreas no noso país, a recente vaga de lumes que percorre o Estado español, con episodios tan dramáticos como o de Almería, onde faleceron 13 persoas, pon sobre a mesa un concepto cada vez máis repetido nos medios: os “lumes de sétima xeración”.
Pero existe realmente esta categoría ou responde máis a unha estratexia narrativa que a unha realidade científica? Desde Habitar o Baleiro conversamos con catro voces expertas do ámbito da extinción, a investigación universitaria, a socioloxía e o ecoloxismo para analizalo.
Sétima xeración” ou comportamento extremo?
O debate sobre os chamados “incendios de sétima xeración” reflicte máis un intento por visibilizar a gravidade dos novos incendios que unha categoría científica formal. Mentres que no ámbito operativo se emprega este concepto para describir lumes máis rápidos, voraces e capaces de afectar a núcleos poboados ou de alterar a propia meteoroloxía, desde o eido académico prefírese falar de comportamentos extremos ou de grandes incendios forestais.

Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo), explica a orixe e aplicación do termo: “O relato das xeracións de incendios foi acuñado por Marc Castellnou, inspector dos Bombeiros de Cataluña, e claramente triunfou. Os de sétima xeración nunca os vin descritos na literatura, polo que supoño que é unha evolución máis coloquial. A peor parte desa terminoloxía é que parece que cada xeración está agardando unha xeración seguinte.”
Pola súa banda, Albert Sandoval, bombeiro forestal da BRIF de Laza, explica como se vive esta evolución a pé de monte: “Os virtuosos do lume xa empezan a chamar de sétima xeración aos de máis rapidez de propagación, máis voraces, que afectan a núcleos de poboación e a bens comúns.”
Porén, existe o perigo real de que a cidadanía se distancie da percepción do perigo ao empregar unha linguaxe excesivamente complexa, como advirte a socióloga da Universidade da Coruña Elvira Santiago: “Usar termos tan complexos dificulta que falemos do problema real cun vocabulario que todos poidamos comprender ben. Precisamos un vocabulario común que sexa o máis sinxelo posible. O termo ‘grande incendio forestal’ é o suficientemente descritivo como para poder traballar e entendémolo todas e todos.”
Sexa cal for a etiqueta, o que si resulta innegable é a capacidade destes eventos para alterar a contorna. Como sinala Juan Picos: “Normalmente é a meteoroloxía a que condiciona os lumes, pero estes son tan poderosos que son capaces de condicionar a meteoroloxía.”
A eterna materia pendente da prevención
Se hai un punto de encontro unánime entre todas as fontes consultadas, é a desproporción entre os recursos destinados á extinción e os dirixidos á prevención e recuperación durante os meses fríos. Na actualidade, segundo nos indican, a meirande parte dos orzamentos e esforzos públicos destínanse a apagar os incendios durante o verán, deixando desatendidas as labores de limpeza de montes, a xestión de faixas de seguridade e a restauración dos terreos queimados durante os meses de inverno.

O lume, que se iniciou no municipio de Larouco, estendeuse a León e Lugo e afectou tamén a parte da serra do Courel, un espazo de gran biodiversidade. A fotografía capta o momento no que as lapas ameazan este tesouro natural. – Brais Lorenzo
Esta estratexia reactiva resulta, para todas as voces, insuficiente ante un escenario no que os recursos técnicos se ven desbordados e no que a falta de continuidade nas políticas de xestión do territorio impide abordar o problema de xeito estrutural.
Belén Rodríguez, secretaria executiva de ADEGA e membro da Plataforma Monte Galego con Futuro, pon cifras a este desequilibrio no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA): “A meirande parte do orzamento do PLADIGA destínase á extinción (o 75%), mentres que só se destina un 25% á prevención e un cero por cento á restauración. Os medios de extinción nunca serán suficientes se nos falta a pata das medidas preventivas.”

Rodríguez denuncia tamén o escaso avance nos traballos de rexeneración tralas vagas previas: “De todo o queimado en 2025, que foron 118.000 hectáreas, apenas se recuperaron unhas 200 segundo os datos da propia Xunta, unha cifra irrelevante. Perdéronse 2,85 millóns de toneladas de solo fértil só o ano pasado.”
Desde a perspectiva sociolóxica, Elvira Santiago critica a visión lineal coa que as administracións aborda a xestión do risco: “O problema é que se deseña de xeito lineal: primeiro prevención, se non funciona pasamos á extinción, despois recuperación, e volvemos comezar. Pero a realidade non é lineal. Aínda non rematas coa recuperación e o lume reaparece. A prevención debería ser un traballo continuo no territorio.”
Así mesmo, Santiago remarca a insuficiencia das estratexias actuais: “Con este tipo de lumes cómpre recoñecer que os medios técnicos non son suficientes, polo que resulta incongruente dedicar a maior parte dos recursos, tanto persoais como económicos, unicamente á etapa de extinción.”
O combustible perfecto
O abandono do mundo rural, xunto coa perda do manexo agrícola e gandeiro tradicional, identifícanse como o combustible fundamental que alimenta estes grandes lumes. A proliferación de masas forestais sen coidado e o monocultivo de especies pirófitas facilitan que o lume se aproxime de forma perigosa ás poboacións.

Albert Sandoval reflicte esta transformación desde a súa experiencia directa no terreo: “Case todos os lumes aos que fun o ano pasado eran de interface, en núcleos urbanos, urbanizacións e aldeas. Iso é algo que antes non había: as vilas están sucias, os concellos non as van limpando, cando antes había facenda e limpaba, facía de cortalumes.”
A recuperación do tecido produtivo rural e a diversificación das especies vexetais, apostando polas autóctonas, xurdiron na conversa como a única táboa de salvación a longo prazo. Belén Rodríguez salienta a importancia da biodiversidade: “Necesitamos dar vida ao rural para que haxa xente. Alí onde hai xente, sabemos que o monte non arde ou, cando menos, o lume ten moitas máis dificultades para propagarse. Mantener unha biodiversidade autóctona, sa, con especies propias e zonas húmidas, é fundamental non só para parar os lumes, senón tamén para mitigar os efectos máis negativos do cambio climático.”
Ademais da ordenación do territorio, Juan Picos fai fincapé na necesidade urxente de educar á poboación ante situacións de emerxencia cada vez máis frecuentes en zonas habitadas: “A preparación da poboación é moi importante porque hai que asumir que isto vai pasar. Temos que preparar a poboación para que saiba o que ten que facer porque, se non, vai improvisar na emerxencia, facendo a guerra pola súa conta, o que supón unha situación de moito risco.”
Onde queda a esperanza?
As sensacións ante a chegada deste verán son maioritariamente preocupantes. Os incendios adiántanse no calendario e a carga de combustible no monte segue a medrar sen control. Como sentenza o brigadista Albert Sandoval: “Témonos que preparar para un monstro que vén con ganas e, por riba, ten comida, quilómetros e quilómetros, porque hai abandono no rural e non se inviste en prevención como se debería.”
Sen un compromiso político e social firme que aposte pola prevención continua durante todo o ano, pola recuperación demográfica do rural e por unha ordenación do territorio baseada na biodiversidade, “seguiremos correndo detrás do lume, intentando baleirar o mar con cubos mentres o monte se consome”, remata pesimista Juan Picos.