NOVAS

A MOSTRA 'HABITAR O BALEIRO' PERCORRE AS LUCES E AS SOMBRAS DO DESPOBOAMENTO EN GALICIA

A exposición, unha escolla de 10 anos de traballo de documentación do fotógrafo Brais Lorenzo nalgunhas das áreas máis despoboadas de Galicia, inaugúrase no Museo do Pobo Galego.​

13.06.2024. A exposición Habitar o baleiro, unha escolla de 10 anos de traballo de documentación do fotógrafo Brais Lorenzo (Ourense, 1986) nalgunhas das áreas máis despoboadas de Galicia, inaugurouse hoxe no Museo do Pobo Galego, onde permanecerá ata o vindeiro 1 de setembro. Coordinada por Tono Arias (Duci, Allariz, 1965), configúrase a partir dunha narrativa complementada por audios, vídeos e textos dos xornalistas Cláudia Morán, Sergio Pascual e Lucía Abarrategui que crean, en conxunto, unha experiencia inmersiva.

A mostra forma parte dun proxecto xornalístico con vocación de longo percorrido do colectivo formado por Lorenzo, Morán, Pascual e Abarrategui e co apoio dos profesionais do audiovisual Miguel Riaño, Thomas Harris e Juan Carlos García.

A soidade, o illamento, o abandono e a desasistencia nalgunhas das zonas con maior perda de densidade de poboación nas provincias de Lugo e Ourense son algunhas das temáticas da exposición, alén de problemáticas vencelladas ao despoboamento, como os incendios forestais e a convivencia cos parques eólicos.

Habitar o baleiro tamén acolle outra cara máis amable das zonas rurais galegas, como a repunta do interese polo sector primario e outros proxectos de vida no rural ou a visión do Entroido como ferramenta de reivindicación e preservación cultural e do territorio.

Entre os escenarios das imaxes atópanse concellos como San Xoán de Río, Chandrexa de Queixa, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada ou as montañas dos Ancares e O Courel.

A exposición Habitar o baleiro, de carácter itinerante, é unha mostra viva que percorrerá distintas cidades e vilas galegas nos próximos meses. Organizan o Museo do Pobo Galego, a Deputación de Ourense e o Concello de San Xoán de Río e colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore
Ir o contido