REPORTAXES
Vivir en Ernes: a aldea que volveu
O lugar de Ernes, desaloxado case por completo de modo máis ou menos forzoso nos anos sesenta tras a creación do encoro de Grandas de Salime, parecía condenado á extinción.
Alfonso traballa na súa leira na aldea de Ernes.

ALBA RODRÍGUEZ SAAVEDRA
Texto

BRAIS LORENZO
Fotografías
O lugar de Ernes, en Negueira de Muñiz (comarca da Fonsagrada), desaloxado case por completo de modo máis ou menos forzoso nos anos sesenta tras a creación do encoro de Grandas de Salime, parecía condenado á extinción. Porén, co paso das décadas, o esmorecemento que noutrora se asumira como inevitable reverteuse. Unha romaxe de xentes novas, desexosas de viviren lonxe dun mundo cuxa crueldade material parecía non atopar límites, instalouse nas casas que alí quedaran, baleiras, á espera dun regreso que nunca foi. Na década dos noventa, o balbordo de nenas e nenos reviviu as terras verticais de Ernes; a escola do concello reabriu as súas portas; e, contra todo prognóstico, a nova veciñanza quedou.