Ourense, 30 de setembro de 2025. O primeiro avance do documental Habitar o baleiro presentouse hoxe na 30ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF). A peza documental busca abordar as luces e as sombras do rural galego, co foco na súa complexidade e na necesidade de preservalo para a preservación da vida e a contorna natural.
“Acabamos de velo cos lumes forestais deste verán: sen rural non hai vida, porque sen xente nas aldeas toda a sociedade estamos en perigo. Queremos amosar unha realidade moi complexa sen romanticismos nin clixés”, sinalou o fotógrafo ourensán e produtor executivo da peza, Brais Lorenzo.
O avance do documental, dirixido por Miguel Riaño, aborda a axuda a domicilio que reciben persoas dependentes en Pereira, unha aldea de 32 habitantes do concello de Entrimo (Ourense).
“A de Pereira é unha das moitas historias nas que estamos traballando para o documental. Algunhas estarán na peza final e outras non, pero todas compoñen o que está a acontecer nas aldeas e vilas galegas, especialmente en Ourense e Lugo. Este traballo está a ser tan complexo como necesario e enriquecedor. Traballamos arreo para reflectir a imaxe máis honesta posible”, explicou Riaño.
“Dende o inicio, presentamos Habitar o baleiro como un oxímoro: fálase de baleiro e despoboamento onde aínda viven persoas. Queremos amosar que no rural hai moita vida e falta planificación para preservala”, achegou, pola súa banda, a xornalista e co-produtora Cláudia Morán.
O documental Habitar o baleiro conta co apoio do OUFF e a Deputación de Ourense, ademais do financiamento dunha campaña de micro-mecenado en Goteo. A presentación oficial da longametraxe terá lugar o vindeiro ano 2026 na 31ª edición do festival ourensán.
Habitar o baleiro é un proxecto formado por un grupo de xornalistas –Morán, Alba Moledo, Manolo Broa, Sergio Pascual e Alba R. Saavedra–, xunto con Lorenzo e Riaño, ademais de Thomas Harris e Juan Carlos García, do equipo audiovisual Metropolis.coop.