Iria Flavia, 17 de xullo de 2025. A mostra Habitar o baleiro, un traballo de fotografías e textos do colectivo do mesmo nome que traballa para documentar o despoboamento e a vida no rural de Galicia, inaugúrase este 18 de xullo ás 12:00 horas no Museo Camilo José Cela, coa Fundación Pública Camilo José Cela como entidade organizadora, en Iria Flavia (A Coruña), onde tamén se inclúen citas do célebre escritor galego e fotos de gran formato.
Con 30 fotografías de ata dez anos de traballo do fotógrafo Brais Lorenzo (Ourense, 1986) e baixo a coordinación de textos da xornalista Cláudia Morán (A Coruña, 1990), a exposición mestura imaxes con textos de Morán e os xornalistas Manolo Broa, Alba Moledo, Sergio Pascual e Lucía Abarrategui, para
documentar as luces e as sombras, o que nace e o que morre nalgunhas das áreas máis despoboadas de Galicia. Configúrase a partir dunha narrativa complementada por audios, vídeos e textos, incluídas reportaxes do colectivo Habitar o baleiro publicadas na prensa, que crean, en conxunto, unha experiencia inmersiva.
Conta co apoio da Deputación de Ourense, o Museo do Pobo Galego, o Festival de Cine de Ourense (OUFF) e o Concello de San Xoán de Río, e xa foi vista por máis de 22.000 persoas nas visitas libres e guiadas que se desenvolveron no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), o Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense), o Museo Provincial de Lugo (Lugo) e o Museo Quiñones de León (Vigo).
“Este proxecto xorde do amor pola vida que latexa no rural como un exercicio de memoria e de preservación. Queremos abrir debate a través do xornalismo sobre unha temática que está a acontecer diante de nós”, sinala Brais Lorenzo. “Como fixo Cela en parte da súa obra, a exposición redunda nas historias vitais, persoais e ambientais das zonas rurais galegas, que explican en gran parte quen somos”, explica Cláudia Morán.
A soidade, o illamento ou o abandono nalgunhas das zonas con maior perda de poboación de Galicia son algunhas das temáticas, mais tamén unha cara máis amable das áreas rurais, como a repunta do interese polo sector primario e a vida na natureza ou a importancia de ritos como o Entroido.
Habitar o baleiro forma parte dun proxecto xornalístico homónimo de longo percorrido formado por Lorenzo, Morán, Broa, Moledo, Pascual e Alba Rodríguez Saavedra. Co apoio dos profesionais do audiovisual Miguel Riaño, Thomas Harris e Juan Carlos García, o colectivo está agora inmerso nunha campaña de crowdfunding para financiar o seu futuro documental.